Artistas e superavoas

La Voz de Galicia – 5 de Xaneiro, 2018 →

Cristina PatoOs Fenómenos do rural de Joseba Muruzábal son unha oda á muller galega. O artista e muralista Yoseba MP recréase na idea da heroína galega utilizando as mulleres do rural, as superavoas, como epicentro para celebrar a forza infinita e o poder sobrenatural das mulleres que coidan a terra e o seu contorno de xeito habitual. Aínda que estes días parece que por fin está a recibir a atención dos medios, a verdade é que este artista galego de 33 anos merece pasar á historia como o creador dunha obra de valor incalculable non só polo que representa a nivel artístico, senón tamén a nivel social.

Non o coñezo persoalmente, pero na miña lista de desexos para pedir esta noite de Reis entraría poder visitar algún día o seu estudio e poder falar devagariño con el, pois o proxecto das superavoas é so unha pequena gran parte da obra deste artista de Cambre, que co seu hiperrealismo contemporáneo celebra o cotián cun estilo tan xenuíno coma poderoso. Visitalo na súa Academia de pintura Veladuras de Compostela para poder aprender dun artista que soubo atopar a súa voz a través da observación e a celebración dun dos piares da nosa sociedade.

E nesa mesma lista de desexos para esta noite de Reis, quixera unha vida digna e repleta de proxectos e perspectivas de futuro para todos os artistas que, coma Yoseba MP, traballan en Galicia acotío, que reman por unha sociedade mellor, que celebran a forza do noso no seu contorno, e que, sen apoios, están a cambiar á nosa sociedade para mellor a través das artes. Desexo un país que celebre e apoie aos artistas que, coa súa visión, traen esperanza e beleza ás nosas vidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.