Coida o tempo

La Voz de Galicia – 29 de Decembro, 2017 →

Cristina PatoA derradeira fin de semana do ano sempre trae consigo moitas dúbidas. É só unha sensación, pero facer balance ao final do ano prodúceme algo de vertixe. Lembrar os que se foron no 2017 e os que xa hai anos que non están con nós, ou cuestionarse todos os pasiños que unha vai dando, forma parte dese exercicio pseudodepresivo que acompaña o final dun ano que, para variar, parece que pasou voando. Hoxe teño a sensación de que estou a chegar tarde a todo, incluso a min mesma, que non son capaz de asimilar que hai varios xeitos de levar a vida, e que ser e facer deberían ser compatibles: a realidade é que, se me centro en ser, ás veces non son capaz de facer, e se me centro en facer ás veces non son capaz de simplemente ser.

Ao final do ano unha tende a lembrar só as cousas que unha fixo, e eses momentos que realmente nos fan ser o que somos (os momentos nos que estamos presentes e gozamos das cousas miúdas) non se fan memorables, e entón unha pregúntase se estamos a enfocar ben a vida, se facer e facer nos vai levar finalmente a poder ser.

A miña lista de resolucións para o 2018 inclúe frear un pouco esta vida de viaxes sen fin (hoxe escribo dende Pequín); sacar máis tempo para escribir a diario e para estar cos que me importan; comezar a construír a miña vellez… En definitiva, atopar o tempo para dedicarse ao que unha desexa.

En que momento perdemos o rumbo e nos introducimos neste absurdo universo no que todos temos présa por facer e facer? Creo que esa é realmente a miña resolución: decidir o que importa e centrarme niso, e deixar de ir a cabalo da vida, pois o 2017 xa case marchou e non ten previsto volver. O tempo nunca volve. Hai que aprender a coidalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.