Comunicarse co mundo

El Correo Gallego – 6 de Febreiro, 2017 →

CRISTINAPATOLEVO unha tempada empapándome o máximo posible sobre o concepto de neurodiversidade. A neurodiversidade ou a neurodiverxencia é un concepto que defende a idea de que as diferenzas neuronais entre seres humanos son naturais e deben ser respectadas e entendidas coma calqueira outra diferenza entre seres humanos. Promovido dende a perspectiva do movemento social ARM (Autism Rights Movement, tamén chamado Movemento da Liberación Autista), creado e dirixido por autistas, o concepto de neurodiversidade nace coa idea de non considerar patolóxicas, senón naturais, as diferenzas neurolóxicas entre as persoas, a diversidade das mentes. Non considerar o autismo coma un “trastorno” que precisa ser curado, senón coma unha “variación neurolóxica” que precisa ser socialmente entendida e aceptada.

O libro NEUROTRIBES: The Legacy of Autism and The Future Of Neurodiversity, do periodista Steve Silberman, fai un percorrido fascinante pola historia e o estudo do autismo a través do tempo. Recomendo a súa lectura a todos aqueles que teñan a neurodiversidade na casa (para min foi reveladora a súa lectura), pero sobre todo a todos aqueles que sintan curiosidade por un concepto tan interesante como a neurodiversidade e o seu rol no mundo da tecnoloxía e as ciencias. De feito, este libro foi escrito por un periodista da revista WIRED que despois de ter entrevistado a varias familias relacionadas co mundo da programación e da tecnoloxía no entorno de Silicon Valley deuse conta de que moitas delas tiñan en común que tiñan un fillo ou filla austista. E como bo periodista, pois foi tirando do fío e a través de máis de cincocentas páxinas axúdanos a entender o poder da neurodiversidade e o necesario que é aceptalo e entendelo. Especialmente no mundo que vivimos hoxe en día. Especialmente no campo da educación.

O libro tamén nos fala do autismo a través de figuras públicas que o fixeron máis visible, como a pioneira investigadora, etóloga e zoóloga Temple Grandin, que a través do seu libro no que conta a súa experiencia como autista e como profesional de prestixio, axudou a entender a diversidade do espectro á sociedade. E falando de diversidade, a pasada semana saíron as nominacións aos Oscar, e entre os candidatos a mellor documental estaba Life Animated. Cóntanos en primeira persoa como unha familia encontrou o xeito de comunicarse co seu fillo autista a través das películas de Disney, e aínda que resulta imposible de narrar nesta columna, o documental toca de cerca temas como os factores socioeconómicos e culturais e como poden afectar na calidade de vida de alguén con autismo severo. Dende o momento da infancia no que se manifesta, até o momento de entender que é o que pasa; o longo camiño até encontrar un diagnóstico e o proceso de maduración á idade adulta e a preparación para unha vida sen os seus pais.

Canto está a sociedade de informada e adaptada a diferentes xeitos de expresarse é unha pregunta que deberiamos facernos todos. Por iso esta pasada semana decidín facer unha visita á escola na que traballa unha das miñas ex-alumnas, unha escola fundada, hai 15 anos, porque un grupo de pais neoiorquinos non foron capaces de atopar, no seu día, unha educación axeitada á linguaxe dos seus fillos, e por iso decidiron crear unha escola segura para que os rapaces neurodiversos poidan encontrar, desenvolver, e celebrar a linguaxe coa que comunicarse co mundo.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.