Maria Popova

La Voz de Galicia – 10 de Novembro, 2017 →

Cristina PatoA meirande parte das veces anoto as ideas no que teña á man: o teléfono, o pano de mesa ou o tícket do supermercado, pero hai días que nin sequera téndoas escritas lle atopo forma ás cousas. Perder o tempo é unha arte coma outra calquera, facelo ben leva tempo e dedicación. Sigo dende hai anos á blogueira literaria Maria Popova, que creou Brain Pickings (algo así como Colleita para o Cerebro), unha plataforma dixital na que comparte ideas e lecturas filosóficas e que recibe máis dun millón de visitas ao mes.

Popova, que agora tamén escribe para The New York Times ou The Guardian, comezou o blog hai case dez anos compilando un correo semanal con lecturas interesantes non relacionadas co seu campo laboral que enviaba aos seus colegas de traballo, coa teoría de que a creatividade «é unha forza combinatoria». O blog creceu, fíxose viral, e hoxe é unha das mulleres máis influíntes no mundo literario e cultural dos EE.UU., e ten 33 anos.

O que máis me fascina da súa técnica é o seu poder de síntese e o seu talento para conectar ideas; imaxino o número de libros que le á semana, a súa rutina de lectura e escritura diaria e envexo a súa disciplina. Cando non teño ganas de facer o que teño que facer, leo compulsivamente.

Tento evitar perder o tempo de xeito inútil e por iso non me permito parar; pero ás veces, cando unha para e respira, é cando a idea vén, no medio dun soño, mirando as follas caer, escoitando a choiva. Todos os novembros son grises, a falta de luz, o cansazo; perder o tempo de xeito útil é estar presente, apreciar o miúdo, e esperar a que as cousas atopen o seu lugar. E polo camiño, ser paciente para poder escoitar o teu propio son…

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *