Para recordar

La Voz de Galicia – 3 de Novembro, 2017 →

Cristina PatoAtopámonos con outras catro viúvas, a miña nai levaba as flores na man e eu as ferramentas necesarias para deixar a tumba do meu pai ben limpiña. A Maruxa sempre fixo dos Defuntos un día especial, unha tradición, máis relacionada coa memoria dos mortos no mundo dos vivos que cunha cuestión de fe.

Puxen as flores na argola do chan, quedaban ben bonitas, pero a Maruxa non estaba convencida e mandoumas mudar para o centro de granito que está pegado á parede. Había calor, e cando rematei vin que a miña nai me achegaba un sachiño: «Agora saca esas mala herbas». A operación estaba feita, o Dositeo quedaba ben decorado e a súa lápida relucente. Entón, cando tentaba saír da cancela de ferro que cerca a súa sepultura, perdín o equilibrio e deime na fronte cun deses picos enferruxados que a decoran. Unha parvada, pero asusteime. Berreille ao meu amigo David, que andaba polo cemiterio decidindo se o tiña que segar; pregunteille se tiña alcol para limpar a minúscula ferida, e respondeu «non, pero anda o veterinario aí abaixo», e alá fomos os dous a que ma limpase… Entón imaxinei ao meu pai escachando coa risa.

Samaín, Defuntos, Día de los Muertos, Halloween… depende do lugar, da relixión ou da tradición. Dos celtas en Galicia aos precolombinos en México pasando polas múltiples relixións que adaptaron os rituais previos, o feito é que todas as culturas teñen un momento no ano para recordar, respectar e rememorar aos mortos. E cada unha o celebra ao seu xeito, e eu, sempre que poida, quedareime coa tradición familiar de limpar a lápida unha vez ao ano, aínda que o meu defunto pai me recorde, cun golpiño na cachola, que xa había algún tempo que non ía visitalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.