Poesía e demencia

La Voz de Galicia – 13 de Abril, 2018 →

Cristina PatoCoido que nos coñecemos en persoa o día do Premio Trasalba 2013, pero foi a nosa relación coa perda da memoria a que nos uniu. O seu libro Chamádeme Simbad converteuse nunha clase de antídoto para poder entender unha doenza tan cruel coma fermosa: a demencia. Pero Francisco Castro contábanola dende a mirada dun neno, e grazas a ese libro fixen as paces comigo mesma e coa enfermidade.

A pasada semana Francisco veu a Nova York para participar no International Kerouac Festival, presentando o libro Latexo Beat pero tamén recitando en galego en lugares tan cotiáns como o transbordador que une Manhattan con Brooklyn. Organizado por Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez, o festival, que naceu en Vigo hai sete anos, traballa para converter a poesía en tendencia e expoñente cultural da nosa comunidade, con iniciativas tan orixinais como os recitais de poesía a bordo do transbordador de Manhattan ou o de Moaña…

O día anterior a pasear con Francisco en Nova York tiven unha conversa en Washington co director da organización Americans for the Arts, Robert L. Lynch (que entre outras cousas tamén loita para integrar as artes na educación nos EUA). Falamos precisamente do poder social das iniciativas que xorden da paixón por xerar o cambio dos artistas e escritores, que en xeral acostuman ter un calado máis profundo na comunidade.

Para min, Francisco Castro, o escritor, xa xerou ese cambio cun libro que debería ser lectura obrigada para todos os familiares de persoas que sufran alzhéimer e outras demencias, pois a todos nos fai falta ver e redescubrir a enfermidade dende os ollos dun neno para poder achegarnos a tentar entendela, por moi difícil que sexa.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.