Ramón y Cajal e a vontade

La Voz de Galicia – 27 de Outubro, 2017 →

Cristina PatoHai máis de cen anos que se publicou en castelán, dezaoito da súa edición en inglés, e parece que a súa tradución ao galego entra dentro dos proxectos a curto prazo dos Clásicos do Pensamento Universal da USC, unha iniciativa da Fundación BBVA e a Universidade de Compostela que edita, en galego, aos grandes pensadores universais como John Dewey, Montaigne, Newton ou Erasmus. Os tónicos da vontade. Regras e consellos sobre a investigación científica de Ramón y Cajal é un libro que segue a ser un referente no mundo da investigación (aínda que as súas referencias ao rol da muller na ciencia deixan moito, moito, que desexar). Nacido do seu discurso de ingreso na Real Academia das Ciencias, o libro reúne unha chea de consellos para os investigadores novos e é un bo retrato da situación da ciencia no noso país a finais do século dezanove (non, non mudaron moito as cousas).

E en certo modo tamén é un libro sobre motivación. Ramón y Cajal fala da idea de que para saír adiante no mundo da investigación unha precisa de «independencia mental, curiosidade intelectual e perseveranza no traballo» e afirma que «o traballo substitúe ó talento, ou mellor dito, crea talento», e tenta achegar remedios para o atraso científico da España de 1899 baseados nesa teoría.

O feito de que a vontade é a que crea o talento é unha fermosa lección para os problemas da educación e da sociedade en xeral, pois considerar o talento como algo innato non só non axuda a ninguén, senon que impide a evolución e o crecemento dos que cren que o talento non se pode adquirir. Segundo Cajal «toda obra de arte é froito da paciencia e da perseveranza»: fermosa lección de vida.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.