Rosalía, a muller e as letras

El Correo Gallego – 15 de Maio, 2017 →

CRISTINAPATOLÍA esta semana a noticia sobre a presentación da nova biografía de Rosalía, escrita por María Xesús Lama e editada pola Editorial Galaxia. Segundo a prensa, a publicación aporta unha visión diferente (e incríblemente interesante) da persoa que era Rosalía de Castro, da muller forte e con claros intereses. Espero facerme co libro pronto, porque entre todas as teorías da autora, a que máis me interesou é a súa revisión da influencia de Murguía na obra de Rosalía…

E é que en cuestións de xénero e recoñecemento literario, o mundo non cambiou tanto dende a época de Rosalía; só temos que mirar a listaxe de literatos aos que foi adicado o día das nosas letras nos últimos corenta anos: sobran os dedos dunha man para contar o número de mulleres homenaxeadas. Curioso é, xa que o día das nosas letras nace precisamente en homenaxe a unha muller e a súa obra, e que dende 1963 até hoxe non cheguen nin a cinco as mulleres homenaxeadas, pois non deixa de ser triste, frustrante e decepcionante. Pois se a teoría do impacto de Murguía na carreira de Rosalía hai moitos anos que tiña que ser revisada, o problema da invisivilidade do poder e facer das mulleres nas artes (plásticas, literarias…) hai moitos anos que tiña que ter sido “revisado”. É un problema actual, antigo e moderno, constante e silencioso, que fai máis dano do que un pensa. É un problema de todos: medios, institucións e cidadanía.

Foi a Lúa Descolorida de Rosalía a que me levou a esta viaxe fascinante na que estou metida. De xeito case incríble, as súas letras leváronme a traballar cos que, anos despois, me abriron as portas de sitios como Harvard, onde estou hoxe escribindo esta columna. Celebrando a integración das artes na educación, celebrando que hai vinte anos que a escola de educación desta universidade comezou o camiño de crear un master adicado ao poder das artes na educación: un master creado por outra muller, Jessica Hoffmann Davis, e dende hai quince anos liderado polo meu amigo Steve Seidel.

Sentada ao lado de Steve, ou de Jessica ou de Howard Gardner (un dos meus ídolos) de súpeto deime conta do incríblemente afortunada que son por ser galega, e por falar galego. De súpeto, a imaxe de Rosalía veu á miña cabeza: é gracias a ela que estou aquí; hai moitas razóns polas que o camiño se vai facendo ao camiñar, pero foi a súa Lúa Descolorida a que inspirou ao compositor Osvaldo Golijov a escribir a canción máis fermosa dunha Pasión Según San Marcos que se fixo histórica.

Foi o feito de que hai 12 anos decidira marchar aos EUA para revisar a miña carreira e facer o meu doutoramento o que me fixo estar no momento xusto no lugar axeitado para poder dicirlle á profesora de ópera da miña universidade que si, que podía sen problema traballar cunha soprano na dicción dun poema en galego. Rosalía cambioume a vida, e quizais sexa Osvaldo o home compositor, ou Yo-Yo o home virtuoso, ou Fasero o produtor, os que leven o peso dos logros da carreira da muller gaiteira que vos escribe, pero o feito de que hoxe haxa alguén como María Xesús Lama que se esforza en redescubrir a Rosalía pola muller que era, pola súa forza e as súas ideas de xeito independiente a Murguía, fai que non perdamos a esperanza de que, algún día, as mulleres nas artes teñan o recoñecemento que merecen; pois o dato é que dende 1963, tres mulleres foron celebradas polo día das nosas letras, polo día da nosa matria.

Leave a Reply

Your email address will not be published.

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.