Un xornalista dos de antes

El Correo Gallego – 20 de Marzo, 2017 →

CRISTINAPATOLEMBRADES o xornalismo de antes? Aquel no que o xornalista collía o papel e o lapis (e se cadra o coche) e saía ás rúas, aos lugares máis recónditos, a buscar as novas que merecían ser contadas? Cando os xornalistas eran os cicerones do noso contorno, os guías que nos abrían os ollos ao mundo e que nos deixaban reconstruir a nosa opinión sobre este?

Pois esta semana marchou un deses xornalistas da vella escola, un home ao que eu coñecín xa xubilado, hai vinte anos, e que me ensinou a ver a miña terra, o meu ben querido Ourense, cos ollos dos que o percorreron de cabo a rabo escoitando e contando historias cada cal máis fascinante. Don Luis Padrón, nado no 1925, tivo unha vida chea de quilómetros de estrada, máis ben, quiilómetros de camiños: durante moitos anos foi periodista do diario La Región, na época na que os periódicos se creaban polos periodistas, e as novas se escribían rezumando arte para poder esquivar a censura.

Do meu sogro, Don Luís Padrón, aprendín moito, e aínda que non o coñecín en activo, dende os seus setenta e pico até que morreu con noventa e dous, o Padrón foi capaz de dirixir e vivir o seu concepto de felicidade e de vida plena até o mesmo día do seu pasamento. Creo que entre as moitas cousas que aprendín del a máis importante é que unha vida feliz é algo que un ten que inventar e por ela loitar.

Non coñecín o xornalista en activo, pero coñecín o xubilado contador de historias incríbles da Galicia máis profunda. Lugares recónditos e perdidos, cheos de beleza e de patrimonio. Don Luis Padrón desfrutaba do seu tempo como el quería; para ir de Ourense a A Guarda en coche gostaba de ir polo medio do monte e percorrer camiños nos que o único tráfico era o gando que pasaba ao noso carón. Bromeaba co feito de que cando un bo amigo lle dixera orgulloso que ir de Ourense a Madrid leváballe cinco horas, el contestara, se cadra máis orgulloso, que a el e a súa muller leváballe tres días… e é que co Padrón un paraba en todos os lugares que tiñan algo que contar, e el mesmo tiña este nonseique (que tamén tiña o meu pai), ese don de xentes, ese ser xente boa que facía que en cada lugar que parabamos houbera sempre un bo amigo ao que visitar.

Nos últimos vinte anos, as historias ían converténdose en historia, as testemuñas, os seus colegas de andainas e profesión, ían marchando deste mundo, e o mundo que coñecía o meu sogro foi desaparecendo. Pero el aferrouse a el, lúcido e coa grande fortuna de non ter perdido a memoria, viviu a última década percorrendo todos aqueles lugares recónditos no coche dos seus fillos. Todas as tardes facían uns trescentos quilómetros para chegar a ermidas perdidas ás que xa non ía ninguén, e durante todo ese camiño o meu sogro ía enlazando historias das súas vidas pasadas por eses lugares. Quizáis ese era o seu segredo para non perder a memoria…

O meu sogro era un home de principios, e aínda que a vida o colocou nun lugar privilexiado en tempos difíciles, el foi sempre fiel ao seu xeito de entender a existencia, e sen titubear apostou polo camiño no que “un chega a Madrid en tres días”, o camiño no que a ambición máis importante era ter unha vida realmente sinxela e realmente chea desas pequenas cousas que nos dan a felicidade…

Señor Padrón, desfrute agora da súa viaxe máis longa.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.