A música nos bares

La Voz de Galicia – 1 de Xuño, 2018 →

Cristina PatoA noticia era desoladora: a música en directo non ía poder soar nos bares de Santiago. Tentei entender o problema grazas ao traballo e á información que comparte a Asociación de Músicos ao Vivo e a súa sección de Compostela. Tamén lin a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, pero como se non a lera: esa linguaxe é incomprensible para min. Parece un problema de fondo e tamén de comunicación entre institucións, e semella que outra solución a curto prazo non vai senón agrandar unha problemática herdada relacionada coa falta de respecto xeneralizada cos profesionais da música.

O caso é que, se non se poñen de acordo, a partir do 2 de xullo, en Santiago, só se poderá escoitar música en directo nas salas de concertos que teñan licenza para espectáculos, ou nas rúas, pero non dentro dos bares e pubs. Que supón isto? Pois que todas as músicas de pequeno formato para pequenas audiencias corran o risco de desaparecer e con elas a diversidade e a bagaxe cultural que nos fai ser unha nación tan culturalmente rica. Crecín escoitando á charanga do meu pai facendo versións da do Cuco de Velle, entendendo que música é comunidade, e que nas tabernas sempre había música. Traballo a medio camiño entre a música clásica, o jazz e as músicas do mundo e vexo as diferenzas nas contornas de cada unha desas linguaxes. Ningunha delas cobre a vibrante realidade das músicas que non seguen ningún camiño precreado, dos que dan voz á realidade… Simplemente desexo que entre todas as partes (músicos, propietarios e institucións) consigan crear unha realidade na que ter un piano nun bar ou celebrar unha foliada non rematen sendo actos ilegais.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.