Bandeiras arco iris

La Voz de Galicia – 29 de Xuño, 2018 →

Cristina PatoAs bandeiras arco iris inundan o barrio. O supermercado, o bar, a farmacia, o veterinario, o dentista… todos eles as teñen colgadas da porta, pegadas ao cristal ou ondeando dende a fiestra. Até os parques do barrio cambian as flores para facer coincidir as cores coas do arco iris, e no pequeno parque da rúa Christopher cada un dos balaústres da cerca que o rodea remata nunha bandeira de cores. Onte fixo 49 anos que o Stonewall Inn, o histórico bar do Greenwich Village, sufriu unha polémica redada policial que levou a toda a comunidade LGTB a comezar a loita polos seus dereitos. O bar está ao lado da miña casa en Nova York, e tódolos anos, dende o primeiro de xuño, o meu barrio énchese de cores, de festa, de orgullo, e tamén de reflexión. Sen te decatar, no momento que entras no barrio comezas a facer preguntas, a indagar que pasou, e por que pasou. Ter as bandeiras postas todo o mes fai que todos os que pasen polo Village saiban que alí hai unha comunidade forte que reivindica os seus dereitos de xeito aberto dende hai case cincuenta anos, e tamén fai que esteamos informados de todo o que se avanzou e deixou de avanzar en cuestión de dereitos durante estas décadas.

Pero aínda queda moito polo que loitar nos dereitos para todos. As sentenzas xudiciais deste ano deixaron claro que os problemas que sofre a nosa comunidade, a dos seres humanos, son problemas de fondo e que as inxustizas non discriminan. Pois como escribía a vítima das innomeables bestas que xa están en liberdade: «Temos que ser partícipes do cambio (…), con que o meu caso removera a conciencia dunha persoa ou dera forzas a outra para loitar, xa me dou por satisfeita».

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.