Equinocio

El Correo Gallego – 21 de Marzo, 2016 →

CRISTINAPATOHOXE é un deses días nos que unha culpa ao cambio de estación de todos os seus males. Que se estou cansa, será a astenia primaveral; que se a cabeza xa non pode máis, bendita Semana Santa para intentar desconectar… E de desconectar vai hoxe o asunto. Pregúntome se no sistema educativo actual hai espazo para a desconexión dos mestres e profesores de Primaria e Secundaria. A docencia é unha das profesións que máis poden queimar a un individuo se un non é capaz de desconectar cando fai falta. E aínda que o meu exercicio docente é intermitente, recoñezo que a idea de coller un ano sabático está a roldar a miña cabeza cada vez máis a miúdo.

No sistema universitario americano, aínda que non en todas as universidades, ofrécese un ano sabático, con soldo incluído, por cada sete anos traballados; coa intención de que o docente utilice ese ano para a investigación, a mellora das súas capacidades ou a escritura dun libro. A crise nos EUA tamén mermou ese privilexio e moitas universidades tiveron que cortar o beneficio do ano sabático. Pero o concepto é tan necesario. Un ano, unha semana, corenta días, corenta minutos: pero o concepto de “gardar” tempo para mellorar, para prosperar no que un fai, para desconectar das cousas urxentes, do cotián, e así centrarse no longo prazo. É fermoso, non é?

Imaxinade se fósemos capaces de frenar para pensar no que estamos a facer para así poder centrarnos no que realmente queremos facer. Imaxinade que nos podemos permitir parar só no importante, e que podemos deixar o urxente para mañá.

Parece que o tempo pasa sen que un se dea conta (hoxe rematou o inverno, onde foron estes tres meses?). Pero seguimos atascados en rematar o que tiñamos que ter feito antonte. Unha acaba o día exhausta por simplemente pensar que nin sequera rematou o que tiña que ter feito a pasada semana. O tempo é un tirano. O e-mail é outro tirano. E a incapacidade de desconexión que sufrimos no século vinteún é o maior de todos os tiranos. Non hai tempo para pensar. Hai que crear tempo para pensar. Hai que obligarnos a buscar o espazo do día para poder pensar.

Hoxe quero encontrar o momento para sentar e mirar o sol, e respirar profundamente, sen presión. Poder sentar e recorrer mentalmente os valores nos que se sostén a vida e recordar canto tempo lle adicamos ao que realmente importa e canto lle adicamos ao que ten un valor efímero e tanxible. Hoxe quero reaxustar o eixo, e ter o meu equinoccio particular, na busca dese equilibrio inestable que nos fai querer seguir medrando, e encontrar o tempo e a enerxía para poder facelo.

Adeus inverno infernal. Benvida primavera.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.