Forza para a nosa terra

El Correo Gallego – 25 de Xullo, 2016 →

CRISTINAPATOTAL día coma hoxe pero hai xa unhas cantas décadas, a rúa catorce de Manhattan, entre a séptima e a novena avenida, pechábase ao tráfico polo día de Galicia. La Nacional era u­nha das máis populares sociedades de beneficencia rexentadas por galegos, e atopábase alí, no corazón cultural de Manhattan; e tan popular era a festa, e o encontro, e o número de emigrantes galegos no que chamamos o “tristate” (literalmente os tres estados que en­globan Nova York, Nova Jersey e Connecticut) que a cidade de Nova York cortaba o tráfico nunha das zonas máis poboadas e axitadas de Manhattan naquel tempo.

E hoxe, intentando pescudar dende hai cantos anos se celebraba a nosa festa en Manhattan, pois aprendín que o día de Galicia é unha celebración relativamente recente, incluso para nos, os galegos. Que foi no ano 1919 cando as Irmandades da Fala comezan coa idea de celebrar o día nacional de Galicia e que son eles os que escollen o 25 de Xullo.
Nese intento de trazar cando foi a primeira vez que se celebrou en Manhattan, aprendín tamén que foron precisamente as comunidades de emigrantes as que durante a ditadura franquista mantiveron a celebración na diáspora, e que eles escollían personaxes ilustres da nosa cultura para celebralo.

E entón deime conta de que, a pesar de ter celebrado o día de Galicia case todos os anos da miña vida tocando nalgún lugar da nosa terra ou da Galicia emigrante, non recordo ter estudiado a razón deste día.

E é que sen meternos en política, quizais este é un dos mellores exemplos que temos de canto importa a cultura e a nosa identidade cultural. A celebración do día nacional de Galicia nace coas Irmandades da Fala no 1919, semidesaparece (de xeito oficial) durante a ditadura franquista, aínda que Franco converte a Santiago en Patrón de España (por que?); renace durante esa mesma época coa paixón do PSG e a Union do Povo Galego, e impúlsase nos anos setenta e no principio da democracia coa forza e as manifestacións do BNG… A celebración, case cen anos despois, sobreviviu porque os galegos se empeñaron en que sobrevivira, nin a ditadura foi capaz de esmagar o que naquel momento era unha celebración de identidade relativamente recente… O pobo saíu gañando.

Que haxa misas, ofrendas frorais, romerías e manifestacións no día de Galicia é a nosa realidade, unha da que nos sentimos, polo menos eu, orgullosa pola pluralidade e a liberdade de expresar o amor pola matria o xeito que sentimos que o temos que facer. Eu hoxe, celebrarei o noso día facendo soar a outra voz poderosa da nosa cultura: a gaita galega.

Forza para a nosa terra. Forza para Galicia. Feliz día para os que están aquí, e en especial, feliz día para os que durante décadas se empeñaron en facer deste un día especial.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.