Industria e cultura

El Correo Gallego – 26 de Xuño, 2017 →

CRISTINAPATOHOXE comezo coas verbas pronunciadas por Castelao no seu discurso Alba de Groria, pronunciado en Buenos Aires no día de Galicia de 1948, durante o seu exilio na Arxentina. Comezo co seu discurso porque, unha vez lido e re-lido, unha dase de conta de que as cousas non cambiaron tanto, ou cambiaron pero non tanto. Castelao dicía, logo de facer unha fermosa alegoría dunha Santa Compaña formada polos grandes immortais galegos: “Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro.”

A pasada semana, durante as xornadas A industria cultural galega no horizonte 2025 do Consello da Cultura Galega, tiven a fortuna de escoitar de primeira man como vemos dende dentro a nosa “industria” cultural. Aprendín moito de Víctor Freixanes, de Inma López Silva, de Domingo Docampo, de Berta García Orosa, de María Yañez… e de moitas conversas durante o día. Pero non podo deixar de pensar no paradoxo da palabra industria no contexto da cultura.

Durante anos, Silkroad (a organización coa que traballo nos EUA) e a escola de negocios de Harvard levaron a cabo un proxecto para fomentar a conexión entre artistas e estudantes da escola de negocios coa idea de promover o concepto de emprendedores culturais, entendendo a palabra emprendedor como aquel ou aquela que ten iniciativa para facer algo con decisión (definición da RAG); pois segundo os valores das dúas organizacións, os problemas da cultura non se solucionan facéndoa tanxible (industrializándoa), senon expandindo o rol das artes na sociedade…

O dicionario da Real Academia Galega define a palabra industria como: “Conxunto das actividades económicas que teñen como fin a explotación dos minerais e das fontes de enerxía e a elaboración de substancias ou obxectos por medios mecánicos a partir das materias primas”.

Quizais habería que ir sacando a palabra industria no relacionado coa nosa cultura, pois quizais, para revalorizala (a cultura, non a industria), non haxa que explotala ou que elaborar obxectos a partir das materias primas, senon que teriamos que expandila, deixar que siga sendo o sustento das nosas almas, e sobor de todo apoiala e respectala coma un ente vivo que crece con nós: pois o concepto de industria non vai axudar a que as artes volten ás escolas como “materia prima” pero a sociedade como “emprendedora cultural” si que o pode facer co seu dereito ao voto, ao cambio, e á loita polos valores que nos pertencen. Xa que como nos dixo Castelao dende o exilio, Galiza conta “c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro.”

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.