Lúa Descolorida

El Correo Gallego – 16 de Maio, 2016 →

CRISTINAPATOESE é o título do poema de Rosalía de Castro que me cambiou a vida. Nunca pensei que o feito de falar galego me podería levar, por causalidade, a traballar decotío cun dos mellores vioncellistas e humanistas do mundo. Hai agora dez anos que estaba a cursar os meus estudos de doutoramento na Rutgers University, cando recibín u­nha chamada da directora do departamento de ópera dicindo que un compositor ruso-xudeo-arxentino ía vir a dar unha clase maxistral. Os meus estudos como pianista acompañante centrábanse sobre todo no repertorio operístico e na labor do pianista como mentor do cantante á hora de traballar estilo, interpretación e d­icción nas linguas operísticas habituais (alemán, italiano, francés).

Cando recibín esa chamada a conversa comenzou cun “Cristina, ti poderías axudar a unha soprano a traballar a dicción nunha canción de Osvaldo Golijov? Creo que está en español, pero non o teño moi claro”, grande foi a miña sorpresa cando recibín a partitura, e lín Lúa Descolorida, Rosalía de Castro/Osvaldo Golijov. Naquel momento emocioneime, levaba máis de seis meses sen saír do miniuniverso estresante do doutoramento, e ler verbas en galego nunha das habitacións con piano do soto da universidade encheume de morriña. O que non sabía daquela é a incríble viaxe que ía emprender polo simple feito de ser galega e falar galego. Osvaldo Golijov, compositor de moda naquel momento, codiciado polo Metropolitan Opera ou o Carnegie Hall ou Francis Ford Coppola, chegou a Rosalía a través do seu traballo de investigación para a ópera que fixo sobre unha obra de Lorca. Namorou da poesía de Rosalía e namorou da nosa língua, a pesar de non ter ningunha conexión con Galicia nin ter pisado nunca a nosa terra.
Traballei con el e coa cantante no día da clase maxistral, no ano 2006, como pianista, e unha semana despois descubriu a miña outra vida, a da, daquela xove, gaiteira dicharacheira da minisaia e os choutos polo escenario, e decidiu invitarme a dar unha charla na universidade onde imparte clases de composición para así descubrir ese outro instrumento tan noso, a gaita. Unha cousa foi levando a outra, e en menos de seis meses Golijov acabou escribindo unha obra para gaita galega, kemanche iraní, sheng chinés, cordas e percusión que foi presentada a finais dese ano no Carnegie Hall. Esa foi a miña primeira colaboración con Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble, a organización que me cambiou a vida e que me fixo entender a importancia de manter a identidade cultural viva a través do exercicio cultural na sociedade.
Esta semana celebramos as nosas letras, o noso máis preciado tesouro, o noso xeito de entender e cantar a vida. Celebrámolo cada ano redescubrindo a un dos nosos, con concertos, actos literarios, actos institucionais, traballos escolares… pero o máis bonito é que o celebramos falándoo. Intentemos non deixar caer as porcentaxes de galego falantes e celebremos algo tan fermoso como a lingua propia facendo uso dela. A min levoume ao infinito e máis alá…
Feliz día de Galicia.
Grazas Rosalía.

Leave a Reply

Your email address will not be published.

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.