A música da inclusión

El Correo Gallego – 29 de Maio, 2017 →

CRISTINAPATOHai seis anos que coñecín a María Batlle. Estaba sentada en primeira fila, na primeira edición do curso de verán sobre artes e paixón na educación que ofrecemos en colaboración coa Universidade de Harvard. Despois da clase, María contounos a idea pola que decidiu matricularse no noso curso…

María, artista dominicana, estaba traballando nun proxecto persoal sobre como visualizar a música na súa linguaxe plástica, un proxecto chamado The Muse Seek Project (literalmente “a búsqueda da musa” que lido en inglés ten unha pronunciación parecida á palabra Music). A súa idea era que como “non músico” encontraba unha inspiración incríble na escoita musical e estaba á procura do xeito de crear algo tanxible, visual para representala na súa linguaxe artística. Nese proceso de creación, como artista en residencia da Escola de Deseño e Artes de Altos de Chavón, na República Dominicana, decidiu ofrecerse como voluntaria para traballar nunha escola pública do programa de Escola Nacional de Xordos, e foi nese proceso, nese xesto no que a musa que buscaba apareceu: María, a artista, estaba buscando como visualizar a música, e segundo ela mesma, ao entrar na clase da escola nacional de xordos deuse conta de que eles estaban, de xeito natural, aprendendo a visualizar “a música” como linguaxe.

Hoxe escribo esta columna dende Santo Domingo, onde María Batlle, alumna curiosa e pasional é agora a presidenta da fundación que leva o seu nome, e a creadora dun proxecto revolucionario sobre como romper as barreiras entre os que oen e os que non: no que a música é a súa ferramenta. A fundación organiza expedicións para que os cativos sintan a vibración da música das baleas no mar, utiliza tecnoloxías doutros campos para traer a vibración do ritmo o máis preto posible do corpo, a través dos SubPac, un aparello orixinalmente creado para que os DJs sentisen a música de xeito diferente… María convertiuse, nestes últimos anos, nun catalizador sobre a inclusión, nunha líder pasional empeñada en cambiar a percepción da inclusión na educación a través da igualdade de oportunidades nas escolas para xordos da súa terra, utilizando a música como linguaxe.

E é por iso polo que estou hoxe aquí, traballando cos seus colaboradores, e entendendo en primeira persoa que é o que significa, para a súa comunidade, levar a cabo un proxecto destas características. E é por iso polo que cada vez que leo sobre iniciativas semellantes que se levan a cabo por todo o mundo, sinto que, cada vez máis, o cambio xérase dende dentro, dende dentro dun mesmo, encontrando esa musa, e dende dentro da comunidade, encontrando os colaboradores axeitados, e é por iso, polo que, cada vez máis, intento aprender das iniciativas que en diferentes aspectos da inclusión se están a levar a cabo en Galicia lideradas por artistas que, como María, deciden tomar as rendas do cambio: tan só espero que as nosas artistas encontren o apoio que realmente merecen para logralo.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.