Música e emigrantes

El Correo Gallego – 10 de Xaneiro, 2016 →

CRISTINAPATOCHEGARÁ aos cines da nosa terra en febreiro, pero para todos aqueles que vivimos co corpo nun país e coa mente noutro, a película Brooklyn, baseada nun libro de Colm Toibín e dirixida por John Crowley, fíxome cruzar esa delgada liña entre a nostalxia e a morriña profunda. Fíxome reflexionar sobre o que é e o que foi a emigración (a película fala da emigración irlandesa aos EUA nos anos cincuenta), de como marchei eu e de como marchou a miña nai naquela mesma época. Ela, como moitos outros milleiros de galegos, marchou a Venezuela, onde coñeceu ao meu pai.

Cando vives fora hai un sinfín de cousas que che fan voltar, sen viaxar, a túa terra. A música é unha delas. Os meus pais coñecéronse aló, en Caracas, probablemente nun baile de galegos, e probablemente o meu pai estaba a tocar o acordeón, como acostuma-ba a facer no salón de baile que o meu avó rexentaba na Ribeira Sacra. Os dous marcharon de lugares diferentes con circunstancias distintas, pero foi Caracas e a música o que os uniu.

Cada vez que deixo a Galicia familiar teño unha pequena crise, e é entón cando volto á cita de Castelao, do seu Sempre en Galiza, na que non só describe á perfección a nosa realidade como emigrantes se non tamén o noso compromiso moral coa terra:

“Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue a terra nativa, pois se os camiños nos tentan a camiñar e porque deixamos unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o fin da vida. Andar, andar, andar, e no remate dos traballos devolverlle a Terra o corpo que ela nos emprestou”. (Castelao, Sempre en Galiza).

A película, que vin no avión de volta a Nova York, vai de emigración irlandesa, probablemente a máis similar á nosa no que respecta ao amor pola terra, á cultura, á identidade, á música… E recordoume o rol que ten a música para conectarnos directamente coas emocións profundas das memorias da terra. Fíxome pensar en todos aqueles momentos nos que en lugares remotos do mundo atopei a algún galego con bágoas nos ollos ao finalizar un concerto. Naqueles momentos nos que, nun país alleo, o galego ou a galega que se achega a min despois dun concerto, se converte nun amigo case instantáneo… Unidos por algo en común, no meu caso, un instrumento que nos representa, e por un sentimento profundo de morriña.

A música, como o cine, ten ese poder, o de transportarnos sen movernos dun sillón, a memorias, lugares, momentos e sensacións que as veces nos axudan a reflexionar sobre o que somos e cara onde nos diriximos.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.