Palabras

La Voz de Galicia – July 27th, 2018 →

Cristina PatoIamos escoitando a radio e saíu alguén falando de likes, spoilers e coachings e eu tentei como puiden explicarlle á miña nai o seu significado. Pola estrada vimos carteis xigantes anunciando outlets, fashion centers e food trucks, e de novo tentei traducirlle: «Food trucks é como feira de comidas», «outlet é un lugar de oportunidades», e Maruxa preguntou que se xa había palabras na nosa lingua para expresalo por que tiñamos que usar estas.

Hai moitos xeitos de celebrar Galicia. Coa fala, coa música, co produto máis local, coa artesanía, coa arte, ou con simplemente ser como somos e celebrar a diferenza. O pasado mércores, no especial da TVG, había unha fraternidade especial. Celebraron o noso día tomando a iniciativa de pór no centro o talento galego en feminino co lema do «día da matria galega». Entón pensei en Caetano Veloso e nos versos da súa canción Lingua que din: «A lingua é miña patria, e eu non teño patria, teño matria e quero fratría». Deille un par de voltas ao tema e decidín interpretar que fratría, nese contexto, era irmandade, pois eses versos fanme pensar no poder de unirse baixo un ideal e de protexerse abrazando a diversidade do colectivo, como unha irmandade sen definición de xénero.

As palabras inglesas non deixan de ser coma os eucaliptos: se as abrazamos sen cuestionar o dano que poden facer a longo prazo, de súpeto será demasiado tarde para recuperar aquelas árbores e palabras que enchían de beleza a nosa contorna. Como irmandade, protexer a nosa lingua é un traballo de todos, pois, como diría Freixanes, «ser diferente é existir» e, como escribía Lugrís hai agora cen anos, «pobo que o seu verbo esquece é traidor á natureza».

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.