Realmente afortunados

El Correo Gallego – 28 de Decembro, 2016 →

CRISTINAPATOSE hoxe temos luz, e auga, e algo para comer enriba da mesa, e algo de saúde, xa podemos dicir que somos realmente afortunados. Hai algúns anos escoiteille ao ilusionista David Blaine nunha entrevista, respondendo a unha pregunta sobre o medo á morte e sobre a súa fe relixiosa: “a miña única relixión é que se fago o Ben síntome ben, se fago o Mal, síntome mal” e a verdade é que nos deberían recordar non só o feito de facer o ben, se non tamén como facelo.

A miña nai cóntame agora cousas que antes non me contaba, supoño que será pola enfermidade neurodexenerativa que sofre, pero estes días estaba eu a entrevistala para intentar pescudar como eran as festas na súa casa familiar do concello da Bola. E aínda segue a esconder algúns da-tos sobre o difícil que tiñan que ser as cousas daquela para seis irmás (todas mulleres), pero ir descubrindo que comían e que tradicións ti- ñan pois faime especial ilusión. Como todos, naquelas datas (miña nai naceu no 1944), facían o que podían, pero agora xa sei porqué a granada é fundamental nos postres de nadal para ela: ao parecer, o meu avó non podía pasar sen ela na Noiteboa.

E unha párase a pensar que cando as cousas van ben, tenden a ir realmente ben, e cando as cousas van mal pois danos a sensación de que tamén tenden a ir realmente mal. Quizais o importante é saber manter o equilibrio, que cada vez é máis complicado, por non dicir imposible. Por suposto que o Nadal na nosa casa cambiou moito nos últimos anos, como na de todos. O tempo pasa e perdes familiares e amigos queridos, a saúde dos teus deteriórase e ti vas vendo como en certo modo queda nas túas mans manter tradicións que teñan algún significado para a túa familia.

Así que esta Noiteboa o bacallao con coliflor da casa e a granada de postre non faltou. E esta comida de Nadal foi un fermoso caldo con verza da Bola e patacas de Tri-ves, e por suposto chourizos da casa… Non da miña, pero espero, nun futuro, poder cultivar, como facían os meus pais, as cousas que leve á mesa nos días de festa, porque o que si teño claro é que por moitas xiras, premios ou ac-tos relevantes que teña, con máis forza creo que a felicidade está en saber apreciar as pequenas cousas. As cousas que nos fan ser; as que nos fan pensar nos demais, as que nos fan sentir ben.

Non teño tele na miña casa de Galicia. Teño unha lareira, unha biblioteca da que me sinto orgullosa, e unha familia á que xuntar, que non é sempre doado. E si, porque a crise, os problemas, a saúde, nos afectan a todos, pero mentras haxa luz, e auga, e algo para comer enriba da mesa, e saúde (reitero a propósito), e alguén con quen compartilo, xa podemos dicir que somos realmente afortunados.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.