Do Soño ao Pesadelo

El Correo Gallego – 14 de Novembro, 2016 →

CRISTINAPATOSE todo foi ben, hoxe estou tocando en Qingdao (China), pasado mañá en Beijing e logo Corea e Taiwan para, depois dunha xira por Italia, voltar aos EUA a primeiros de decembro. Voltar aos EUA de Trump… (e agora trago saliva, e dóeme o peito ao facelo). Como nun só día poden cambiar tantas cousas? Cantas emocións, cantas contradicións e canta rabia por outro país máis completamente dividido, no que o odio, as diferenzas, e os insultos acabaron facendo mella e dándolle a victoria a un chiste máis. E non me chegan os dedos das mans para contar cantos chistes gobernan o mundo agora, e que pouca graza teñen. E canto medo meten.

Trump é xa unha realidade no país das oportunidades. Cheguei a EUA como estudante no ano 2004, en plena era Bush, vin a transformación positiva e esperanzadora que supuxo que gañase Obama no 2008, e tiven a sorte, a honra, durante estes oito anos, de poder traballar co Comité Presidencial das Artes e Humanidades da administración Obama. A sorte de ver o compromiso coas artes e a educación da primeira dama, Michelle Obama, que coa iniciativa Turnaround Arts levou a artistas de tódolos xéneros, cores e clases a traballar nos centros educativos máis desfavorecidos do país, nas zonas máis pobres do país para poder probar que a integración das artes na escola pode darlle a volta a unha comunidade (de aí o nome, Turnaround Arts).

Nestes oito anos percorrín os EUA de norte a sur e de leste a oeste varias veces. Como músico e como educadora, con cativos e universitarios, en óperas, macro teatros e locais de jazz… Traballei con xente de todo tipo, grazas precisamente á formación americana á que pertenzo que promove o entendemento de culturas a través das artes e de artistas de perfil inusual (Silkroad). Traballei con bailaríns de ballet clásico e con fenómenos do street dance, coa New York Philharmonic, coa Afro Latin Jazz Orchestra. Con rapaces do Bronx e das reservas Cheyenne. Cos meus estudantes de Harvard e da Universidade de California… fixen cousas que nunca tivera soñado poder facer no noso país, no que aínda hoxe custa derrubar os muros construidos polo pasado… Digamos que nestes oito anos, nesta era Obama, puiden soñar máis do que me permitira soñar nunca, e puiden axudar a sacar adiante iniciativas fermosísimas, e coñecín e traballei con tanta xente boa: americanos xenerosos, empáticos, cariñosos, cheos de comprensión…. E agora doume conta do afortunada que fun. Pois vivo en Nova York, traballo con artistas de cotío, e o meu mundo académico lévame a universidades liberales.

O día despois da vitoria de Trump os meus veciños do Village de Nova York choraban polas rúas. Os meus colegas de profesión choraban e as caras de desolación eran constantes. Non nos decatamos de que vivimos nunha burbulla que non foi capaz de ver canto de grande é a perigosa burbulla do odio, que estaba ao noso lado, e que por grande e dolorosa non quixemos nin ver. Aprendamos deste error garrafal e deixemos de rir os chistes que nos gobernan.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.