Tempus fugit

El Correo Gallego – 30 de Maio, 2016 →

CRISTINAPATOPODEMOS perdelo, gastalo, matalo, apreciar o seu paso, disfrutalo, a verdade é que o tempo é realmente un tesouro e como tal tamén hai que aprender a administrado.

Hai moitos xeitos de vivir a vida, tentando aproveitar o tempo o mellor posible para poder ter unha vida plena, chea de experiencias profundas que fan a unha medrar e ter a sensación de ter vivido, de ter vivido cada minuto como o merece. Pois cada momento de vida importa, ao igual que importa cómo decidimos utilizar ese momento.

Na era na que a procrastinación e o traballo sen fin dos autónomos sen vacacións ocupan un espazo de importancia similar nos medios, unha ás veces encóntrase planeando os momentos de calma, de paseo ou de lectura como se fosen obligacións diarias, como se non nos mereceramos parar, frear, para pensar, aprender, respirar, rexenerar e coller ese tema de novo con outros ollos; ninguén nos paga ese momento, pero é máis importante que responder ese e-mail que acaba de entrar. Custa tomar esa decisión cando ti es a dona do teu tempo, cando ti administras a túa axenda diaria e sempre deixas ese momento de desconexión, ou conexión contigo mesma (según se mire), para o final do día, cando os e-mails se acumulan, as partituras se enchen de marcas, o teléfono non deixou de soar e xa non tes gana de facer nada máis que procrastinar. Pero procrastinar non é desconectar. Para min desconectar require usar o tempo de xeito cualitativo; sexa ler, pensar, pasear, estar coa familia; e iso require un esforzo, un esforzo mental, e un hábito, un hábito que hai que crear. Hai que aprender a estar de xeito completo nese momento, nese espazo. Estar presente.

As veces pregúntome se a urxencia das nosas vidas modernas non nos está a deixar vivir a vida de xeito pleno. Estamos a deixar de lado hábitos e costumes fermosas e propias da nosa identidade cultural para asimilar costumes que nos aforran o tempo de pararse a facer as cousas. Non falo do progreso, falo do noso xeito de entender o progreso e de cómo todo ese tempo que xa non perdemos en actividades mecánicas non o estamos a usar con calidade, coa consciencia do fermoso e preciado que é.

Unha pode decir que é un problema xeracional, pero o exemplo máis triste de mala xestión do tempo, de procrastinación e de non saber vivir e ver e respetar o tempo no que vivimos inclúe o abanico xeracional dos catro “líderes” de partidos políticos que se están a rifar o noso futuro. Cinco meses de negociacións non foron suficientes para chegar a nada máis que a máis crispación, máis improperios e máis mala xestión. Mala xestión do tempo, mala xestión humana. Canto teriamos avanzado nestes meses se en vez de perder o tempo en discusións puideran ter sido capaces de, polo menos, poñerse de acordo nas cousas que importan: nos problemas da sociedade, da educación, da saúde, da pobreza, da cultura… centráronse no urxente, no cargo, e olvidáronse de nos.

E remato coas palabras que me recorda a miña querida amiga Cecilia cada vez que as cousas mundanas queren superar ás divinas “primeiro o importante, e despois, o urgente”.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.