92 lunes

La Voz de Galicia – 18 de octubre, 2019 →

Cristina PatoLevaban case un mes de peregrinación. Todos e todas marcharon cara a Madrid para facer que os escoitaran os políticos, os medios, as institucións, a sociedade, nós. Maiores e non tan maiores que se mobilizaron por todo o Estado para reivindicar, entre outras cousas, que as pensións públicas se revaloricen cada ano segundo o IPC, que as pensións mínimas sexan equiparadas ao salario mínimo interprofesional, que as pensións sexan un dereito fundamental na Constitución…

Pero tiveron mala sorte. A súa chegada a Madrid coincidiu na mesma semana en que se fixo pública a sentenza do procés, e aínda que os medios, máis ou menos, dedicaron algo do seu tempo a darlles voz, a verdade é que a nosa maioría fundamental (os pensionistas) segue sen ser escoitada polos políticos, polos medios, polas institucións, pola sociedade, por nós.

Segundo o informe Envejecimiento en Red do CSIC, no 2018 o 24 % da poboación galega era maior de 65 anos. E o noso saldo demográfico é negativo. E que podemos facer nós, os pensionistas do futuro?

Eran dúas rutas cheas de simbolismo: pensionistas de máis de 280 plataformas locais organizadas pola Coespe (a Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións) marcharon desde Bilbao e Rota cara a Madrid para lembrarnos que moitos deles viven no limiar da pobreza, que a súa situación non é sostible.

Levan 92 luns manifestándose. De que maioría estamos a falar esta semana nos nosos medios? A que maioría estamos a escoitar?

É triste pensar que, no futuro, a miña xeración probablemente xa non teña que preocuparse por organizar unha manifestación por unhas pensións públicas que quizais non existirán no 2050.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.