Agnès Varda

La Voz de Galicia – 5 de abril, 2019 →

Cristina PatoA pasada semana foise unha desas mulleres que nos fixeron crer que todo era posible. Agnès Varda, a artista, fotógrafa e cineasta francesa que revolucionou o mundo do documental, creando un estilo propio e un xeito único de achar a beleza nas realidades máis marxinais.

Morreu con noventa anos. E, en certo modo, morreu traballando, xa que un dos seus últimos proxectos, o documental Rostros e lugares, en colaboración co tamén artista JR, tivo unha repercusión e un impacto tan universais que, de súpeto, a muller que era visible para unha xeración, pero completamente invisible para outra, comezou a ser visible en todas as posibles realidades.

Cando lin as novas do seu pasamento, o pasado venres, comecei a engulir moitos dos seus traballos, algúns que xa vira e outros que descoñecía por completo. Comecei a redescubrir a obra dunha muller que seguín durante anos, que logo esquecín, e que de súpeto, co vibrante Rostros e lugares, estaba de novo en todas partes. Recoloqueina de novo na miña lista de heroínas. Varda morreu, pero queda o seu legado. As súas obras, xenialidades coma Patatutopia, pasarán á historia, porque se algo aprendemos nestes anos é que mulleres artistas e comprometidas coa sociedade hóuboas sempre, simplemente eran invisibles.

Hai un par de anos que ela mesma daba unha fascinante conferencia TEDx sobre a inspiración, sobre o seu xeito particular de escribir a través das imaxes, de crear a súa propia linguaxe. Gostaba de traballar nas marxes, e dicía: «The way you look at things is what makes them beautiful», algo así coma «o xeito de mirar as cousas é o que as fai fermosas». Eu, hoxe, mirarei o mundo cos seus ollos…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.