Alzheimer

La Voz de Galicia – 4 de Agosto, 2017 →

Cristina PatoO equipo do neurocientífico Ken Kosik descubriu o xene que dispara o inicio precoz de alzhéimer nunha rexión de Antioquía, Colombia. Despois de anos de investigación por parte do neurólogo local Francisco Lopera, o profesor Kosik púxose en contacto con el para comprobar que o feito de que a meirande parte da poboación desa zona sufrira alzhéimer temperán era por unha mutación xenética que se pode trazar a un devanceiro común de hai máis de 375 anos (probablemente un conquistador español). Este descubrimento, que deu a volta ao mundo e que converteu esa rexión na capital da investigación do alzhéimer, mostra unha realidade desgarradora: en Antioquía máis de 5.000 persoas portan esa mutación xenética, e saben con certeza que, antes da súa quinta década de vida, o alzhéimer levaráos rápido e sen preguntar.

Comecei a traballar con Kosik hai dous anos, no deseño dunha clase piloto que iniciaremos a próxima semana na Universidade de California en Santa Barbara. Centrarémonos na educación interdisciplinar utilizando a perda da memoria como metáfora da realidade na que vivimos: perda da memoria cultural e persoal a través da neurociencia, da antropoloxía e das artes. Ver a súa curiosidade polo meu xeito de entender o poder das artes na educación e o potencial das artes na divulgación dunha enfermidade que é xa unha realidade cotiá foi todo un acicate nun momento crítico da miña carreira.

Pero é a filantropía a que fai posible este proxecto, e tristemente a falta de incentivos para a filantropía deste lado do Atlántico é o que non nos deixa gozar do verdadeiro poder dos nosos investigadores e creadores, deixando así un oco de soños imposibles de ser soñados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.