Amor

La Voz de Galicia – 14 de febrero, 2020 →

Cristina PatoÁs veces parábase diante dun escaparate durante un chisco, outras veces ollaba de pasada as revistas de moda na sala de espera da consulta do médico, e cada noite a Maruxa e a máquina de coser pasaban horas e horas lembrando os detalles daqueles vestidos que non podía mercar, pero que si podía reproducir. Lembro perfectamente o ruído do pedal da máquina, os fíos polo chan, os retallos por toda a sala, e a concentración infinita da miña nai. Daquela, eu non era consciente do esforzo que supoñía «vestirnos ben», nin da importancia que para ela tiña. Daquela, eu non era consciente nin do porqué.

Miña nai, por amor, facía os vestidos con amor. Con esmero e dedicación. Con atención ao detalle. E aínda que agora di que en realidade non lle gustaba coser, os seu bordados de niño de abella e as súas saias plisadas eran verdadeiras obras de arte.

En días coma hoxe, nos que semella que o amor se converteu nunha transacción, nun produto rápido, nun ramo de flores, ou nunha caixa de bombóns; unha non quere esquecer o verdadeiro e profundo significado da palabra amor. A benquerenza, o cariño, o esmero, o sentimento; facer as cousas porque si, porque nos fan sentir ben, sen esperar nada a cambio.

O proceso dos vestidos que nos facía a miña nai axúdame a lembrar o poder e o valor do intanxible. Pois o amor é tamén unha cuestión de tempo, de dedicación e de paciencia; e ás veces o que importa non é tanto o que facemos, senón como o facemos. Por iso, cada vez que miro atrás a esa época da miña vida, escoito o son da máquina de coser na miña cabeza, e recordo a frase de Saint-Exupéry no seu Principiño: «Non se ve ben senón co corazón. O esencial é invisible aos ollos».

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.