Aprender a reflexionar

La Voz de Galicia – 26 de abril, 2019 →

Cristina PatoUnha xornada para reflexionar? O nome do día de mañá, no contexto do calendario electoral, é un título suxestivo. Aínda que na práctica non sexa exactamente un día de reflexión, a idea é ben inspiradora: imaxinades que pasaría se tódalas decisións importantes das nosas vidas puidesen contar cun día completo de reflexión?

Segundo a RAG, reflexionar é «centrar o pensamento nunha cousa e analizala detidamente», e, nun mundo no que as cousas semellan pasar a un ritmo radicalmente vertixinoso, ás veces é imposible atopar o tempo ou a enerxía para centrar o noso pensamento en algo concreto.

Esta semana, logo de ver o debate entre os catro homes que aspiran ao poder nacional, quedei enganchada á canle pública durante un chisco, e entón apareceu o programa Proyecto Arkano, liderado polo susodito rapeiro. O capítulo era unha profunda reflexión sobre as redes sociais a través das historias dos seus protagonistas: seis mozos e mozas do século XXI. Cun formato híbrido entre a divulgación, a crítica e a aprendizaxe, e cunha fermosa estética, moderna e interxeracional, o programa fíxome pensar no espazo que hai para a análise nos medios públicos e na necesidade que temos de iniciativas coma esta, que nos ensinen a reflexionar a través da conversa e da creación artística. Aprendín máis da sociedade co rapeiro Arkano que cos catro políticos xuntos.

O día de mañá lémbranos a importancia que ten un voto. Lémbranos que coa nosa profunda reflexión podemos mudar o rumbo dun país. E aínda que o panorama non sexa moi esperanzador, polo menos a reflexión axudaríanos a imaxinar cal das posibles opcións podería mellorar a realidade das nosas vidas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.