Aprender a ser

La Voz de Galicia – 6 de septiembre, 2019 →

Cristina PatoA dúbida era se baixar a Ourense a principios da semana ou a finais. A Maruxa estaba preocupada de que non quedaría ninguén na aldea cando o curso comezase. E tiña toda a razón, probablemente quedarían os de sempre, que no seu núcleo non chegan á ducia. Para ela, coma para min, setembro é unha especie de aninovo. Catro fillas e trece anos de diferenza entre nós quere dicir que a miña nai pasou trinta anos da súa vida preparándonos para o principio de curso. Preparándonos para unha nova etapa non sempre desexada.

Sen querer mirar atrás, penso no que supón para moitos estudantes comezar de novo. En canto nos queda por avanzar en temas de diversidade e inclusión, na educación que importa: aprender a ser.

Na miña época non se falaba do acoso escolar, nin eramos conscientes de que o que nos pasaba a moitos non era xusto. Pero hoxe eses comportamentos están tan sistematizados que até chegan ao poder e representan á nosa sociedade. A nivel local, estatal e global. Pois pensade nalgún líder político dos que aparecen nestas páxinas; agora enumerade as calidades que os definen; e logo imaxinade que persoa da vosa clase de primaria (ou EXB) chegaría a presidente dos EE.UU..

O acoso empoderouse. Escoitar insultos e ataques persoais entre os nosos políticos (tamén a nivel local) xa nos parece tan normal que nin o cuestionamos. Ás veces incluso o reiteramos, e nós mesmos acabamos formando parte desa familia de acosadores que non son conscientes de que o son.

O acoso é unha cuestión e unha responsabilidade social. Os valores que se están a amplificar a diario nos medios e nas redes acaban callando na sociedade. E que podemos facer nós para paralo?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.