Bailar la vida

La Voz de Galicia – 29 de abril, 2022 →

Cristina PatoA verdade é que sempre me gustou bailar. Bailar ao meu xeito, sen normas, bailar porque si, coma outra forma de expresarme, de comunicarme comigo mesma. Pois para min hai algo fascinante e liberador no movemento, algo que non podo expresar con palabras. E estes días decateime de que a única parte que boto en falta desoutra vida que deixei atrás hai un tempo (a vida nos escenarios) é a do movemento libre e feliz que saía do meu corpo mentres tocaba. Sen filtros. Sen vergoña. Cos ollos pechados deixando que o corpo conversara coa música.

Tamén pensei en cando vivía o meu pai e tocaba para que a xente cantara e bailara en calquera lugar posible, porque para o meu pai tódolos sitios eran un palco. E pensei nas festas na casa da Luisa e do Félix, nos bailes até as tantas coa miña nai, coas miñas irmás, cos seres máis queridos… Nesa sensación de poder bailar o que unha sinta, sen ter que preocuparse do que opinen os demais. Pois cando unha está cos seus, bailando en comunidade, non ten medo de ser xulgada.

E hoxe, no Día Internacional da Danza, non podo parar de preguntarme (como tantas outras veces) que pasaría se o baile fose obrigatorio nas escolas públicas. Se de súpeto tódolos rapaces puidesen liberar as súas complexas emocións a través do movemento. Que pasaría se a educación pública nos axudase a relacionarnos a través da expresión sen palabras, da imaxinación e da creatividade en comunidade? A través dun baile aberto, sen máis regras que deixarse levar polo respecto e a beleza dos diferentes xeitos que teñen os nosos corpos de expresar emocións… Quizais algo tan sinxelo nos axudaría a entendernos mellor, de xeito individual, pero tamén en colectivo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.