Black Friday

La Voz de Galicia – 24 de Noviembre, 2017 →

Cristina PatoCedeulle o asento no metro, el tería uns trinta anos e ela máis de setenta. Cando sentou, cun sorriso fermoso e xenuíno, a muller deulle as grazas; dez segundos despois repetiu o xesto e a palabra, e así unhas vinte veces até que el chegou á súa parada e saíu do tren, e ela quedou alí sentada co mesmo sorriso co que sentara. A escena era tan entrañable como triste. As demencias nas grandes cidades son se cadra máis crueis, pero o xesto de ceder o asento e o acto de dar as grazas seguido fixeron que sen querelo me emocionase por esa mestura de tenrura, tristura e alegría.

Non sei cando chegou o Black Friday a Galicia; camiñando por Santiago e por Ourense esta semana, vía as ofertas de descontos nos comercios e pensei: «adoptamos esta celebración consumista, pero non adoptamos o xoves que a precede, o día de acción de grazas». As razóns do Black Friday son do máis diverso, pero o feito de que celebremos a festa dos descontos deixando pasar a festa do agradecemento fai que unha se cuestione que é o que fai que unhas tradicións transcendan e outras non. O valor da adquisición de tanxibles sobre a ausencia da celebración dos valores intanxibles

Recordo un par de estudos publicados no Xornal de Psicoloxía Social sobre o impacto da amabilidade na percepción da felicidade; Cicerón dicía que «non hai deber máis necesario que o de dar as grazas». E para min, ese momento de amabilidade e agradecemento en bucle que vivín no metro, fixo que durante uns días eu tamén compartira amabilidade e gratitude de xeito desmesurado. O resultado do meu estudo comigo mesma: unha sensación satisfactoria de contribuír ao contaxio das emocións positivas. Un graíño máis de felicidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.