Calmarse

La Voz de Galicia – 7 de enero, 2022 →

Cristina PatoE así, correndo, remataron as festas. De súpeto o 2022 xa leva unha semana connosco e nós, a pesar dos propósitos do novo ano, asistimos impasibles ao espectáculo de como todo segue máis ou menos igual. Políticos que pelexan porque si, restricións que cambian segundo alumee o sol, unha fenda social cada vez máis grande, e ese desasosego constante que dalgún xeito nos acompaña a todos.

E eu, por se acaso, pedinlle aos Reis Magos que me axudaran a mandar marchar esa última parte, a do desasosego, pois as outras, por desgraza, non as podo controlar.

Imaxinei a carta que non cheguei a escribirlles, e nela só puxen dous desexos: que aprendamos a acougar e que teñamos saúde. Pois non sei se vos pasa a vós, pero nestes últimos meses sinto que estamos aínda máis sensibles do que estabamos hai un ano. Por unha banda están os que consideran que a culpa do desasosego a teñen os outros (o virus, o prezo da luz, o illamento); e por outra están os que entenden que sentirse así é humano, e que ninguén ten a culpa de como se sinta un. E a verdade é que é complexo pensar que só nós mesmos podemos loitar contra a constante sensación de querer axitarse (ou enfadarse) por algo ao que, noutro momento das nosas vidas, non lle dariamos ningunha importancia.

Onte non cheguei a ver, na árbore de Nadal que non puxen, se pasaran os Reis a deixarme os regalos que pedín. Pero coido que si o fixeron, porque hoxe espertei tranquila, sen dor de cabeza, e coa teima de que tiña que acougar, porque a outra opción non conduce a nada máis que cansazo. E logo pensei que oxalá sexamos capaces de aquietar as nosas mentes para poder desfrutar, pacientemente, da beleza do cotián.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.