Cansancio

La Voz de Galicia – 22 de abril, 2022 →

Cristina PatoXa era tarde, e eu andaba cansa e malhumorada, e, aínda que ela non tiña culpa ningunha, cando unha anda así tende a pagalas co ser querido que estea máis cerca. Desta vez tocoulle a miña nai aguantar as miñas parvadas sobre o sentido da vida, e ela (no seu xeito de abrazar a desmemoria), cando me desculpei por verter nela tódalas cousas que me preocupaban, simplemente respondeu: «Non te amoles por iso, en cinco minutos xa nin lembrarei por que estabas enfadada». E entón colleu a baralla e comezou a repartir cartas, sen dicir nada máis.

Coido que xogamos durante unha hora longa, na que gañou ela case tódalas partidas, pois á brisca e á escoba a Maruxa lévame moitos anos de vantaxe. E non falamos de nada máis que das corenta, o velo, os trunfos, as cartas e os ouros… E de súpeto, no momento de recoller a mesa para marchar á cama, decateime de que ese cansazo que tiña xa non estaba aí do mesmo xeito. Seguía cansa, máis non me pesaba tanto esa sensación.

Ás veces pregúntome por que decidimos facer das nosas vidas algo máis complexo do que xa son. Por que nos emperramos en preocuparnos dos problemas que non podemos solucionar, ou por que non somos capaces de deixar de enfadarnos polas pequenas decepcións diarias. Pregúntome tamén que podemos facer para non deixarnos levar pola apatía, para que a desgana non se apodere das nosas vidas. E é aí cando lembro esa partida de cartas coa Maruxa, ou ese capítulo dese libro que me salvou a vida esta semana, e emociónome pensando na cantidade de beleza que aínda hai arredor de nós, e no difícil que é ás veces non deixar que o cansazo nos faga ignorar as pequenas alegrías que nos dá a vida cotiá.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.