Centro

La Voz de Galicia – 22 de enero, 2021 →

Cristina PatoEste mes foi case imposible non mirar para o centro. Nos medios, na radio, non se falaba doutra cousa; interrompían a programación habitual para conectar coas novas do centro. E aínda que a ocasión era histórica, nunca entendín ese costume que temos de non querer mirar para o centro e ao mesmo tempo non deixar de mirar para el. É coma unha obsesión.

Ás veces o centro é unha vila, ou unha grande cidade arredor de nós. Outras veces é a capital do estado; e no caso dos EUA, parece que o centro é o país completo. Durante este mes de xaneiro aprendemos moitas cousas: aprendemos que nevou en Madrid, e por se non nos quedou claro, tamén aprendemos que agora chove en Madrid. Aprendemos que é o Capitolio e como se asalta; e se empeza vostede a ler este periódico polo final quizais aínda non saiba que hai un novo presidente nos EUA, chámase Biden e ten 78 anos…

Hoxe, con sorna, ironía ou retranca, tento reflexionar sobre o que supón ver como as cousas que pasan no centro semellan ser sempre máis relevantes, a pesar de que o que nos pasa a nós, nas nosas periferias particulares, é tanto ou máis importante. É fascinante ver como nos marcan, sen que ninguén nos pregunte, a que lle queremos prestar atención e a que non. E é aínda máis intrigante tentar entender as razóns polas que asumimos eses lugares e eses temas (e non outros) coma nosos…

Das novas do centro desta semana, eu quedo coa idea de que unha xove poeta, Amanda Gorman, emocionou ao mundo lendo o seu poema durante a toma de posesión dun presidente. Quedo con ela, pero tamén con Olga Novo, e Alba Cid… quedo coa poesía coma ferramenta global de reflexión.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.