Chinos en América

La Voz de Galicia – 22 de octubre, 2021 →

Cristina PatoEra a presentación dunha obra para cuarteto de cordas do compositor chinés-americano Huang Ruo. E foi Cristina, a miña amiga de Lugo, a que me invitou a ir con ela a ese concerto no Museo dos Chineses en América, o MOCA, no corazón do Chinatown de Nova York.

O Del Sol Quartet comezou tocando o Angel Island Project de Huang Ruo. Angel Island, na baía de San Francisco, era o lugar a onde chegaban os inmigrantes que entraban aos EUA polo Pacífico, como pasaba con Ellis Island en Nova York. Pero a grande diferenza era o feito de que, debido á tremebunda Lei de Exclusión Chinesa, a estancia dos posibles inmigrantes chineses na illa Angel podía durar meses, e o lugar, a pesar de non ser un cárcere, tiña tódalas condicións para selo.

O caso é que nos anos setenta, trinta anos despois do seu peche, atopáronse máis de douscentos poemas en chinés tallados na madeira das paredes das salas de retención. Poemas que contaban as sensacións daqueles que chegan coa esperanza dunha vida mellor e rematan encerrados. Poemas nos que Huang Ruo envorcou a súa música, ao servizo da memoria histórica dos invisibles e que me axudaron a reflexionar sobre o xeito que temos de replicar os mesmos erros.

A exposición permanente do MOCA está deseñada para que unha, pouco a pouco, aprenda que é realmente o racismo e como se manifesta. En tódalas partes do mundo acumulamos odio culpando aos outros dos nosos problemas. E, no caso dos chineses nos EUA, era a propia lei federal a que ditaba as condutas racistas. Pero aínda que esas leis xa non existan, nin alí nin aquí, as nosas condutas seguen deixando moito que desexar, pois non sempre somos capaces de abrazar a beleza da diferenza e aprender dela…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.