Ciudadana del mundo

La Voz de Galicia – 11 de diciembre, 2020 →

Cristina PatoA tarde era tan fría, tan gris, que non tiña ningunha gana de saír camiñar. Levaba todo o día escribindo, e só quería desconectar sen sentirme culpable por non facer hoxe o que tamén podería facer mañá. E como non atopaba a forza para camiñar sen rumbo, metinme noutro dos meus refuxios: os documentais.

E pensei en Orson Welles, pois o Xan e mais eu tiñamos o plan de ver Cidadán Kane esa mesma noite, así que un documental sobre a vida do seu director sería un bo xeito de aprender e de paso desconectar. O caso é que nun momento do documental, un vello Orson Welles comezou a falar da súa propia relación coa arte, e de como esta fora mudando cos anos, e sen decatarme deixei de escoitalo e comecei a pensar en como fora mudando a miña. E dalgún xeito rematei sumida na miña espiral particular sobre o que significan as artes na sociedade, e sobre a responsabilidade que asumimos cando collemos ese camiño e…

O documental rematou, e o ordenador, co seu algoritmo que todo o sabe e todo o relaciona, pasou ao seguinte vídeo sen pedir permiso. E de súpeto comezou a soar a Coral de Ruada cantando a Negra Sombra, por debaixo da voz en off de Orson Welles! Eran os primeiros minutos do histórico documental do 1937 The Spanish Earth, escrito por Ernest Hemingway e John Dos Passos, e dirixido por Joris Ivens.

E esa estraña conexión entre Orson Welles e a coral da miña adolescencia, neste outro lado do mundo, levoume á cita de Castelao á que sempre me agarro cando estou perdida: «Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue a? terra nativa…». E así, aturulada cos meus pensamentos, finalmente fun camiñar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.