Clase emigrante

La Voz de Galicia – 17 de enero, 2020 →

Cristina PatoCando rematou o programa pensei no fácil que é esquecer que, hai cen anos, eles eramos nós. Vaia por onde vaia, nos medios, nos cafés, nos hospitais, sempre escoito algún comentario nesgado con respecto á inmigración. Coma se nós non foramos fillos e netos dos emigrantes que no seu lugar de acollida tamén eran «os inmigrantes» (non sempre legais). Esquecemos que nós tamén fuximos e escapamos das inxustizas de primeiros do século XX (a fame, a pobreza, a desigualdade, as guerras), e que os nosos tamén marcharan en pésimas circunstancias.

O caso é que un dos meus programas de radio favoritos, Documentos RNE, emitiu un capítulo sobre o naufraxio do Valbanera. A través dos relatos dos investigadores e dos descendentes do que ás veces foi chamado o «Titanic dos pobres», o programa fai un traballo incrible á hora de contextualizar a catástrofe do 1919: un naufraxio no que morreron cerca de cincocentas persoas, a meirande parte delas, emigrantes das Illas Canarias.

Se a historia do Valbanera é unha das máis tristes da nosa emigración, non é só por tódalas vidas que se perderon, senón polas condicións nas que viaxaban (nunha «clase emigrante» que un dos pasaxeiros definía así nunha postal: «Ni los cerdos tienen nada que envidiarnos») e polo esquecemento arredor das súas historias.

Por iso me emocionei cando escoitei ao equipo de investigadores que, cen anos despois, decide honrar a aqueles que non tiñan voz, a aqueles que desapareceron sen que ningunha institución se preocupase por recuperar os seus corpos. Pois son esas historias as que nos axudan a lembrar que nós tamén somos eles: cambian os mares e os náufragos, pero as historias son as mesmas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.