Comezar de novo

La Voz de Galicia – 10 de Agosto, 2018 →

Cristina PatoXan andaba a facer unha das súas fotos na rúa. Cando se pon, Xan fica quedo nun curruncho dunha cidade e fotografía a aqueles que pasen por diante da cámara, e a posteriori crea unha narrativa coa vida dunha cidade, unha especie de retrato social dun intre nunha parede dun lugar do mundo. Levaba menos de 15 minutos cando a policía londiniense o parou para preguntarlle qué estaba a facer. Xan simplemente lles contou o seu proxecto e acabou tendo unha fermosa conversa cun deles na que, despois de amosarlle Xan o seu traballo fotográfico, preguntoulle: «E de verdade podes vivir disto?».

Xan Padrón ten 49 anos, e, despois de 25 exercendo como docente, decidiu deixalo todo para centrarse na fotografía. Hoxe traballa con galerías internacionais e en feiras de arte coma a de Saatchi Art. Decidiu arriscarse pola súa paixón, e con ese risco comezou unha nova etapa na súa vida, na que a incerteza e a inseguridade alimentan a sensación de estar a facer o que un realmente quere. Se hai algo que admiro da vida en Nova York é ver a facilidade que ten a xente de cambiar de profesión e de contexto na metade da súa vida profesional. Comezar case de cero con 50 anos ten que ser ben duro, pero non buscar a felicidade aos 50 probablemente sexa máis duro de levar.

A meirande parte das veces é a supervivencia a que nos fai tomar decisións cando nos atopamos nunha encrucillada, pero unha vez nos asentamos, unha vez atopamos a comodidade, entón a sensación de ter o control sobre a dirección cara a que unha quere ir tamén se esvaece. Poder elixir é un dereito, e non sempre nos permitimos mudar de dirección, escoller outro camiño e comezar de novo…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.