Compasión

La Voz de Galicia – 15 de octubre, 2021 →

Cristina PatoPara variar, estaba escoitando un podcast mentres facía as cousas da casa. E para cambiar as sabas da nosa cama e pasar a vasoira, decidín que ía pór Hidden Brain, un dos meus programas favoritos da radio pública dos Estados Unidos (a NPR). Esta semana conversaban coa psicóloga e investigadora Kristin Neff, pioneira no campo da «autocompaixón», é dicir, a compaixón cara unha mesma. E a verdade é que, na miña ignorancia, nunca me parara a pensar no que significaba a compaixón no contexto individual, no que significaba ser amable cunha mesma, ou tan sequera na relación da autoestima co xeito que temos de sentir as nosas vidas e as dos demais.

Houbo un momento no podcast no que Neff comezou a falar sobre o que significa o perdón no contexto da autocompaixón, e entón veume á cabeza aquela frase que escoitara nun documental sobre Carmen Laforet: «Tes que perdoarte tódolos días». E de súpeto atopei nela un significado máis profundo, pois todos cometemos erros, pero perdoarse a unha mesma non significa escusarse, senón aceptarse.

Non sei se acabarei mercando un dos seus libros, pero as súas ideas fixéronme reflexionar sobre esoutra frase de Elsa Punset, a de que «as emocións son contaxiosas», e no que significa practicar a compaixón na súa definición máis ampla: «Identificarse cos males de alguén». Pois como suxería Neff , se cadra, practicando a súa definición da autocompaixón («ser amable cunha mesma, entender a humanidade compartida e practicar a atención plena») poderiamos aprender mellor a poñernos no lugar do outro. Pois «ter compaixón tamén significa ofrecer comprensión e amabilidade aos demais cando cometen erros, en vez de xulgalos con dureza».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.