Compromiso cívico

La Voz de Galicia – 2 de agosto, 2019 →

Cristina PatoImaxino a reunión de veciños na que tomaron a decisión de comprar tódalas cervexas da vila. Imaxino as opcións que barallaron para protexerse do que lles viña enriba e as ideas que discutiron até chegar á conclusión de que rematar coa cervexa nos supermercados era o mellor xeito de boicotear o festival de neonazis que se celebraba na vila de Ostritz, ao leste de Alemaña. O pasado ano contraprogramaran un festival para a paz, pero quizais esa técnica non funcionou e por iso decidiron tentar frear a violencia deste xeito. Realmente, o tribunal administrativo de Dresde xa prohibira a venda de alcol no susodito festival, pero os veciños foron máis alá e fixeron o posible para que en toda a vila non puideran conseguir unha cervexa. Todo un compromiso cívico levado a cabo por unha vila de 2.400 habitantes.

Poucos máis habitantes ten o concello de Toén, en Ourense. Alí, nun alto privilexiado, están os cascallos do que un día foi o hospital psiquiátrico. Un complexo arquitectónico nado a mediados do século XX como leprosería, e que acabou sendo un hospital para a filla esquecida da sanidade pública: a saúde mental. O sanatorio funcionou durante catro décadas, pechou no 2012 e foi radicalmente abandonado. O Sergas desentendeuse e devolveu os terreos cedidos polos comuneiros nos anos corenta, e aí comezou o proceso de decidir quen se fai responsable do complexo. Entrementres, vándalos de tódalas clases e xeracións dedícanse a esnaquizar os edificios porque si, e os recuperadores aproveitan até o depósito de combustible. Si, o compromiso cívico é algo que temos que cultivar na nosa sociedade, pero cal é o compromiso da institución que os abandona?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.