Contradicciones

La Voz de Galicia – 29 de septiembre, 2023 →

Cristina PatoÁs veces, pola noitiña, xúntanse varias persoas arredor do contedor de lixo do supermercado da rúa Hudson. Veñen con mochilas, bolsas de viaxe, carriños da compra. Rebuscan e rebuscan, e sempre atopan cousas. Supoño que o que atopan son os alimentos que xa non serven para ser vendidos, pero que probablemente estean en perfecto estado. Supoño que a súa situación é complexa, pois cada día a vida está máis cara nunha cidade que xa nunca foi barata. Supoño moitas cousas, e probablemente as miñas conxecturas sexan simplemente iso. Esas persoas que recollen comida no contedor quizais teñan a mesma idade ca min, non hai nada que nos diferencie, levamos incluso a mesma roupa: unha camiseta e unhas mallas…

Hoxe é o Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos. Segundo a FAO, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, no ano 2022 houbo unha media de 735 millóns de persoas que padeceron fame. E aproximadamente «o 13 % dos alimentos producidos pérdense entre a colleita e a venda», e «o 17 % da produción total de alimentos desperdíciase nos fogares, na restauración e no comercio polo miúdo».

É complexo pensar como as dúas cousas pasan á vez, como a fame e o desperdicio conviven no mesmo mundo, nos mesmos lugares. As contradicións que somos capaces de crear e recrear os seres humanos non deixan nunca de sorprenderme: somos capaces de loitar pola vida, pero tamén de matar; somos capaces de loitar polos nosos dereitos, pero tamén de acabar con eles. Somos unha contradición continua. E namentres, o prezo da vida, da comida, é xa case imposible de pagar. E nós non podemos facer nada para cambialo…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.