Conversar

La Voz de Galicia – 23 de abril, 2021 →

Cristina PatoHoxe pensaba no moito que me ten axudado a lectura e a escritura durante este ano. No importante que é para min poder meterme nos universos doutros, nas historias dos personaxes que cobran vida a través da literatura. Pensaba no feito de que o ritmo de lectura que collín este ano foi proporcional ao ritmo do meu desasosego, e que se non fora por eses libros, e por esas historias, non sei que tería sido da miña vida interior nunha época tan complexa. Pois, citando a Ugia Pedreira, este «matinar en espiral» constante que me acompaña ás veces axúdame e outras fúndeme no fondo dos meus medos.

Pero, que pasa cando non dás nin lido ?, cando non es capaz de centrarte nin para seguir a trama dunha soa páxina?, cando esas profundidades que temos cada un de nós acaban ocupando toda a nosa existencia? Que podemos facer cando iso pasa?

Sería imposible ter unha resposta universal a esa pregunta, pois cada un de nós é un mundo e, como diría Whitman, «contén multitudes». Aínda así, ás veces, unha pequena experiencia, unha interacción, pode mudar o curso do día… Foi no contexto dunha conversa escrita por WhatsApp, unha desas que comezan cunha soa frase. A miña, «grazas por alegrarme o corazón», era unha resposta á dela (tan simbólica como a miña). E así, case sen querelo, comezamos a intercambiar pensamentos, e pouco a pouco, sen decatarme, funme sentindo mellor.

E logo comecei a pensar nas razóns polas que esa interacción me aportara tanto en tan pouco tempo: ela, que xa ten dabondo co seu, parouse a escoitarme sen me xulgar… Caín nas redes da súa inmensa humanidade, e por un momento, profundamente agradecida, sentinme capaz de coller as rendas do día…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.