Cuestión de perspectiva

La Voz de Galicia –16 de agosto, 2019 →

Cristina PatoNesta edición da miña clase sobre Memoria para a Universidade de California, Santa Barbara, o neurocientífico Kenneth S. Kosik, a artista Kim Yasuda e mais eu decidimos que iamos explorar as conexións entre a memoria, a memoria cultural e a inmigración. O meu labor para a UCSB é liderar unha iniciativa de aprendizaxe a través das disciplinas. Recompilo contido, traballo con diferentes departamentos, deseño o currículo e a estrutura das clases e impártoas en colaboración con Ken e Kim (neurociencia e arte).

Esta semana invitamos ao antropólogo Michael Gurven (que estuda a evolución da historia da vida humana), á xeógrafa Liz Chrastil (do laboratorio de neurociencia espacial) e ao hispanista e investigador da inmigración española nos EUA James D. Fernández. Entre os tres trouxeron unha visión aos nosos estudantes que ben podería ser a base de tódalas novas que estamos a recibir nos medios sobre a inmigración. Unha visión que nos lembra aquelas palabras atribuídas a Mark Twain: «A historia non se repite, pero rima», e que pon a perda da memoria cultural e os límites da nosa perspectiva no epicentro da convulsa realidade actual. Fernández rematou a súa charla cunha idea que aínda non presentaramos na clase, que é cuestionar cantas veces nas nosas vidas «non dicimos o que queremos ou sentimos, senón o que aprendemos a dicir».

Pois, como dicía a escritora Chimamanda Ngozi Adichie, se os medios mostran un pobo ou un colectivo como «unha soa cousa, cunha única historia, unha e outra vez» farán que finalmente se convertan simplemente niso, e non nas múltiples historias que nos representan e nos fan ser quen somos. Cando esquecemos que nós tamén fomos eles?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.