Cuidadores

La Voz de Galicia – 5 de noviembre, 2021 →

Cristina PatoDesde o ano 2014 a Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG) celebra o Día do Coidador cada 5 de novembro. A iniciativa comezou co fin de «mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e formar, apoiar e recoñecer aos coidadores aos que acotío se lles infravalora o seu traballo». Con esta campaña, a SEGG tenta facer visible a dobre vida dos coidadores, aportando datos que axudan a entender a realidade social e laboral arredor dos coidados, e tamén tentan «incrementar o recoñecemento social e validación da extenuante tarefa que realizan as persoas que coidan dun familiar».

E entón quedei pensando na cantidade de persoas que coñezo que teñen ao seu coidado a un familiar máis ou menos dependente, e no xeito que teñen de conciliar esa responsabilidade co resto das súas responsabilidades diarias. E tamén pensei na cantidade de coidadores profesionais que coñezo, e no complexo que ten que ser conciliar a súa vida persoal e familiar coa vida persoal e familiar da persoa para a que traballan. Pois no tema dos coidados todos temos algo que dicir, e dalgún xeito todos cremos que temos a razón, a pesar de que a meirande parte das familias que se enfrontan a unha realidade que require coidados nunca recibiu formación para lidar co que significa coidar e ser coidado. E nunha casa, cando se xuntan o cansazo coa preocupación, é difícil manter a paz.

Pero logo imaxinei a aqueles que necesitan coidados e que non os teñen. Aos que están tan sós que nin poden permitirse chegar a aceptar que precisan axuda. Aos que se saben invisibles… E acabei matinando sobre a soidade, e sobre o pouco que facemos para combatela nesta avellentada Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.