De camino a Newark

La Voz de Galicia – 8 de Diciembre, 2017 →

Cristina PatoEntrar no autobús é sempre unha pequena festa. É cedo, algúns veñen de Vigo, outros de Caldas ou de Santiago, e os de Ourense, dende hai un ano, temos que conformarnos con ir ao Porriño a collelo. Pero aínda así paga a pena: o voo do Porto a Newark é directo, e a diferenza entre voar directo ou voar con conexión é grande; non tanto polas horas de espera nos outros aeroportos, senon pola posibilidade de perder o enlace e non poder voar até o día seguinte. Imos parolando, pregunto canto tempo levan alí: «eu xa nacín alí», «xa nin me acorda», «o dobre dos que ti tes», «e canto levas ti?». E ao chegar ao cartel de benvida a Portugal xa estamos todos medio durmidos e o silencio só racha cando a Rádio Comercial ocupa a emisora da radio anterior. É incrible como en apenas dúas horas de traxecto un grupo de descoñecidos convértense en familia polo simple feito de compartir a experiencia da emigración. O avión vai sempre cheo de maiores de setenta, especialmente nesta época do ano na que os galegos e portugueses, que noutrora habitaron o barrio do Ironbound de Newark, volven aos EE.UU. para pasar o inverno coas súas familias de fillos e netos que xa naceron na emigración e que, aínda que conservan as súas raíces, saben que a vida segue sen ser máis fácil ao outro lado do océano. Ao chegar ao aeroporto sentei un chisquiño fóra para tomar o aire (para variar mareeime no bus). Un home maior e ben arranxado pediume cartos. Pregunteille cara a onde ía: «Se tivese cara a onde ir non pediría», respondeu sorrindo, e eu, alí sentada, quedei pensando na idea de se ter ou non ter cara a onde ir é o que nos define. E el seguiu falando: «Veño todos os días ver os avións pasar…».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.