De edad, deidades

La Voz de Galicia – 1 de octubre, 2021 →

Cristina PatoDesde o ano 1990 as Nacións Unidas celebran, o 1 de outubro, o Día Internacional das Persoas de Idade. E no 2021 o lema que escolleron para lembrarnos cales son os seus obxectivos con respecto a esta grande maioría é «Equidade dixital para tódalas idades». E aínda que concordo coa idea de que «as persoas de idade (…) non se benefician plenamente das oportunidades que ofrece o progreso tecnolóxico», e que ademais hai unha «necesidade de que teñan acceso e unha participación significativa no mundo dixital», a verdade é que a escolla dese lema fíxome matinar non só sobre o complexo que é pensar nas persoas maiores coma un colectivo, senón tamén sobre o que supón sobrepoñer o progreso tecnolóxico a outras prioridades.

De súpeto volveume á cabeza a cantidade de veces que me frustrei coa máquina do banco porque non fun capaz de entenderme con ela. E as horas perdidas esperando a que unha voz humana responda ao teléfono para solucionar aquel problema daquel recibo que paguei en liña. E aínda que non formo parte dese grupo de «persoas de idade», a verdade é que non sempre entendo o chamado progreso tecnolóxico.

Na orixe deste día internacional está «alentar aos gobernos a que introduzan os principios a favor das persoas de idade». E eu pregúntome: cando esqueceron os gobernos eses principios? Para alcanzar a equidade dixital aínda queda moito, pero queda moito máis, e debería ser imperativo, alcanzar a equidade social: chegar a vellos con dignidade.

Si, «de idade», así falan as institucións, tamén usan «maiores». Pero para min, as vellas da miña familia non son «de idade», son deidades. E se consigo chegar aos setenta, a min que me chamen vella…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.