Derecho al olvido

La Voz de Galicia – 30 de agosto, 2019 →

Cristina PatoA historia do profesor David Carroll, que hai un ano comezara unha demanda para recuperar a información que a polémica Cambridge Analytica tiña sobre el, é o preludio do documental The Great Hack. Unha obra que informa, de xeito dixerible, sobre o uso dos nosos datos para a manipulación da sociedade, e sobre o feito de que o resultado da meirande parte dos procesos electorais da actualidade, tanto nos EUA coma en Trinidad e Tobago, xa son consecuencia desa compilación de datos a través das redes sociais e do seu posterior uso para a nosa polarización.

Despois de velo quedei matinando na idea de que non somos os donos da nosa propia información e, como dicía Carroll, no feito de que o dereito á protección dos nosos datos forma parte dos dereitos humanos.

Entón lembrei o dereito ao esquecemento da lexislación europea sobre a protección de datos. Pois fora o español Mario Costeja González o que hai uns anos comezara unha batalla legal contra Google, reclamando o seu dereito a ser esquecido. O seu caso abrira unha conversa internacional sobre as consecuencias da libre circulación de datos persoais na era dixital, e marcara un antes e un despois na súa lexislación. E aprendín que todos temos información persoal que non podemos sacar da Rede, a menos que denunciemos a Google. E tamén temos información persoal, que non sabemos nin cal é, que foi roubada a través dos nosos paseos polas redes sociais, á que non podemos acceder nin sequera denunciando a xigantes coma Cambridge Analytica.

Se cadra queda moito para recuperarmos os dereitos dos datos que tan amablemente cedemos tódolos días e que serán utilizados na nosa contra nalgún momento das nosas vidas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.