Desconexión

La Voz de Galicia – 26 de marzo, 2020 →

Cristina PatoÁs veces penso no complexo que ten que ser crecer na era das redes sociais, da conexión a través da rede, na era dos «gústame» e dos «enfádame». Tamén penso na idea de que pasaría se, de súpeto, un día calquera, se «apagara» a Internet e quedásemos todos desconectados. Imaxinades cantos máis libros poderiamos ler? Canto máis tempo dedicariamos ás cousas que realmente importan? E cantos comentarios crueis e cantos insultos se aforrarían?

Sen dúbida esta hiperconexión trouxo cousas boas e incribles. E xa hai unha xeración que non pode imaxinar como sería o mundo sen Internet, sen o acceso instantáneo á información, sen YouTube, Facebook, Twitter, Instagram e todas esas outras redes que xa non sei nin nomear. Por outra banda, tamén hai xente á que a idea de existir sen Internet non lle cambiaría moito a vida. Pero eu, especialmente neste ano no que resinto dun xeito estraño a tiranía da tecnoloxía e das redes sociais (e antisociais), estou empezando a pensar se sería quen de desconectar. Pregúntome como sería o meu plan, e como cambiaría a miña vida sen coller o móbil para orientarme ou para buscar no Google o significado da palabra «anguria».

Hai un ano e medio, a idea dunha pandemia global parando o mundo e obrigando á xente a quedar na casa sen moverse, pareceríanos case un relato de ciencia ficción. Do mesmo xeito que á xeración que creceu exposta ao que dirán no mundo dixital, tamén lle parecería ciencia ficción imaxinar a vida sen esas redes sociais que ocupan máis espazo mental que as redes reais. Ás veces desexo que eles, e nós, sexamos capaces de desconectar delas, aínda que sexa para poder sentir o mundo como é, non como nos din que é.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.