Deshumanización

La Voz de Galicia – 25 de septiembre, 2020 →

Cristina PatoSó quería pagar un recibo. No documento puña algo así coma «efectuar o pago en calquera das entidades financeiras colaboradoras», e logo viña un listado de bancos. Así que, como o recibo era da miña nai, e arredor da súa casa hai tantos bancos coma bares, pensei que sería máis cómodo pagalo en efectivo nunha desas «entidades colaboradoras».

Entrei no primeiro banco, e un humano comunicoume que agora ese tipo de xestións había que facelas no caixeiro. E eu pensei, vaia, pois si que estou desactualizada. Explicáronme que, aínda que eu fose a única persoa no edificio (como era o caso), simplemente non se podía facer a xestión coma sempre se fixo (algo así coma «toma os cartos, toma o recibo, ponme un selo, grazas»). Como o caixeiro estaba fóra, nunha rúa moi transitada, e ademais había cola, decidín ir a outro banco. E no último banco da rúa, un humano explicoume de novo que había que facer a xestión na máquina. Pero esta vez decidín quedar, pois o caixeiro estaba dentro e non había ninguén esperando. E como nunca me entendín moi ben coas máquinas, o amable humano (ímoslle chamar Manuel) fixo a xestión comigo. Pagamos os recibos, pero a máquina non aceptaba moedas, así que cando rematamos coa operación en billetes decateime de que o cambio, en moedas de un euro, non me collía nas dúas mans, pois a máquina só da o cambio en moedas… Entón pregunteille a Manuel «e agora que fago con elas?», e el contestou: «Podes ir á caixa e dicirlle á persoa que está alí que chos cambie por billetes».

E así, contando moedas con outro humano, no mesmo mostrador no que non puidera pagar un recibo, pensei no triste que é que á deshumanización lle chamen progreso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.