Desidia

La Voz de Galicia – 8 de noviembre, 2019 →

Cristina PatoRepetimos rutinas. Coma naquela película protagonizada por Bill Murray, O día da Marmota, aínda que na nosa versión nacional hai lixeiros cambios que non achegan moito á narrativa. Botando unha ollada á miña columna do 26 de abril (o último venres antes das eleccións pasadas), pensei en cales eran as diferenzas entre o debate previo a aquela rolda electoral e o desta. Pois hai un home máis, e está á dereita. Polo demais, parece que non mudaron moito as cousas. Uns calan máis, outros falan de máis, e en xeral a foto é a mesma; aínda que, en vez de catro, hai cinco (ou sete) homes similares falando nun plural maxestático que contrasta coa sociedade diversa e plural que xa perdeu as ganas de escoitar.

Mañá é o día de reflexión no que ninguén reflexiona, e o domingo é o día no que os que aínda teñen esperanza irán votar para tentar avanzar nun país no que xa nos acostumamos a dar un paso cara adiante e dous cara atrás…

Pero, que pasa cando de xeito colectivo revivimos aos mortos que non queremos lembrar e, de xeito sistemático, esquecemos aos que non puideron ser lembrados?

Arturo Pérez-Reverte, coa súa ironía habitual, chiaba esta semana, despois do debate: «Creo que realmente son os políticos que merecemos […], encarnan o que fomos, somos e pretendemos ser». Ao principio, rin. E, logo, pensei: se están aí é porque os deixamos. Entón, por desidia, deixei de pensar no tema. E nese intre decateime de que é a desidia a que os pon aí. A nosa. Sabemos que os bos e xenerosos non rematan no poder, así que non nos preocupamos deles. Pensamos que, por moito que loitemos, non imos cambiar nada, e así, por desidia, todo segue igual.

Culpables somos todos: eles por non nos escoitar, e nós por escoitalos de máis. Se cadra ese podería ser o noso novo xeito de entender a política: deixar de escoitar aos que non fan nin deixan facer.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.