Deudas históricas

La Voz de Galicia – 8 de marzo, 2019 →

Cristina PatoO feminismo é unha desas palabras cun contido infinito. Segundo o noso dicionario, feminismo é «a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller», pero o certo é que o feminismo contén moito máis que unha loita pola igualdade de dereitos. Contén unha débeda histórica. Contén milleiros de realidades invisibles.

Ía con présa, e cos cartos na man fíxenlle o xesto da conta ao camareiro. Entón decateime de que no billete de cincuenta dólares australianos había unha muller impresa: Edith Cowan, a primeira parlamentaria australiana e unha das forzas facilitadoras do dereito ao voto das mulleres australianas a finais do século XIX. De súpeto, lembrei que nós, nun momento concreto da nosa historia, tamén tiñamos a unha muller impresa nos billetes: Rosalía de Castro, nos de cincocentas pesetas. E pensei que se eu, de fóra e de paso, tiven a curiosidade de saber quen era a muller dos 50 dólares australianos, cantos terían a curiosidade de saber quen era a muller das 500 pesetas na España do seu día. A representación e a visibilización son dúas armas poderosas, para tódalas causas.

Despois de ler sobre Edith Cowan aprendín sobre o feminismo das mulleres indíxenas australianas, e deime de conta de que a definición de igualdade de dereitos é tan relativa e complexa como a de feminismo. O sufraxio feminino en Australia comezou pronto, pero o dereito ao voto para as eleccións federais dos aborixes australianos (homes e mulleres) non comezou até mediados do século XX.

Hoxe, 8 de Marzo, non esquezamos que a loita pola igualdade de dereitos ten que ser unha loita plural, unha loita aberta fronte a tódalas inxustizas que nos fan desiguais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.