Dorna vai e vén

La Voz de Galicia – 20 de Julio, 2018 →

Cristina PatoNin en Berredo nin en Armariz había dornas. A palabra érame familiar, supoño que por Cunqueiro e a súa «dorna vai e vén», pero non tiña moi claro que tipo de embarcación era exactamente. Rocío Castro dixo «tedes que vir dar un paseo en dorna», eu sen pensalo dixen que si, e na miña cabeza imaxinei sabe Deus que. Cando cheguei a casa e procurei dorna no Google, quedei namorada dun tipo de embarcación que parece que transporta a unha nunha viaxe no tempo. Foi en decembro cando Anxo Angueira e máis eu coincidimos nos Premios da Cultura Galega. A Fundación Rosalía de Castro recibía un galardón e nós estabamos sentados xuntos. E aló, con Rocío e Anxo, a idea de viaxar en dorna fíxose unha realidade: a fundación homenaxearía a Rosalía na véspera do seu pasamento (o 15 de xullo) cunha remontada en dorna polo Ulla e o Sar, e eu desexei poder estar alí.

A Inchadiña branca vela é unha iniciativa da Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa e a Fundación Rosalía de Castro, coa que renden homenaxe tanto a Rosalía como á histórica embarcación. Para min foi un día máxico, era a miña primeira vez: avisei a Rocío de que eu non sabía nadar (nin se inmutou), no medio do camiño Anxo púxome a vogar (outra fermosa palabra que eu nunca practicara máis que cantando) e voguei como puiden mentres engaiolada sentía a paz inexplicable de vinte dornas navegando ao ritmo da natureza dende Valga a Padrón. Todo era poesía.

Galicia é un mundo en si mesma. Non hai que viaxar moi lonxe para atoparse de cheo cunha cultura completamente diferente á túa. Da Bola a Arousa hai un abismo na fala, na historia, nos medios de vida e transporte: tanta diversidade, tanta riqueza cultural. Somos tan afortunados!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.